17 de maio: idiomas e creatividade

O vindeiro 17 de maio celébrase en Galicia o “Día das Letras Galegas”, que cada ano conmemora a aquelas persoas que destacasen pola súa creación literaria no idioma galego ou pola súa defensa da devandita lingua. Desde Serviguide queremos aproveitar esta data para amosar o enorme orgullo da nosa orixe e ADN “atlántico” pero tamén para poñer en valor a importancia do dominio de diferentes idiomas no momento de afrontar un proceso de solución creativa de problemas. 

Non é a primeira vez que empregamos este blog para poñer de manifesto a importancia da creatividade na innovación empresarial. Hoxe tócanos falar da importancia dos idiomas para xerar ideas diferentes. 

Vaiamos por partes. O noso cerebro é un complexo mecanismo que aglutina millóns de conexións neuronais. Todos os avances no eido da neuroloxía axúdannos a comprender cada vez mellor as complexas regras que rexen o seu comportamento e, aínda así, estamos a mil condenadas millas de comprender todo o que pasa dentro das nosas cabeciñas. 

Unha das técnicas máis comunmente estendidas cando falamos de creatividade é o brainstorming. A primeira puntualización que deberíamos facer ao respecto da técnica ideada por Alex F. Osborn é que se trata dun proceso que ten o obxecto de facilitar o xurdimento de novas ideas, solucións e conceptos. E debemos destacar e colocar en letra grosa a palabra NOVAS. 

Se un equipo de traballo se dispón a facer un brainstorming buscando xerar diferentes alternativas para afrontar un reto ou un problema e esquece normas elementais como “pospor o xuízo”, “centrarse na cantidade” ou “buscar ideas tolas”, estará pervertendo a técnica en si. En todo caso estará facendo “braindumping”, é dicir, “descargar do seu cerebro” as ideas que xa tiña previamente acerca do tema en cuestión e que é capaz de lembrar no momento no que está traballando nesa sesión de ideación. Un exercicio, sen dúbida, moi útil…pero que non nos achega ao obxectivo de xerar ideas NOVAS. Non nos achega, polo tanto, á innovación. 

A creatividade constitúe un proceso complexo no que non intervén un só hemisferio ou unha única rexión cerebral. Diferentes estudos en laboratorio demostraron que no momento de acometer tarefas propias do pensamento diverxente nas que os participantes deben crear usos alternativos a obxectos cotiáns, onde se valora tanto a fluidez como a orixinalidade das ideas, identificáronse varias redes neuronais complexas que interveñen no proceso e que activan rexións concretas do cerebro. 

O pensamento creativo implica a cooperación entre redes cerebrais asociadas ao pensamento espontáneo, o control cognitivo e os mecanismos de recuperación de información a través da memoria semántica. 

Precisamente este último concepto, a memoria semántica e o seu influxo nos procesos do subconsciente, é o que fai que as alternativas ou as ideas que xeramos ante un problema sexan diferentes se o noso cerebro está pensando en castelán, en inglés, en alemán…ou en galego. 

Seguindo co exemplo do laboratorio, se nos propoñemos buscar usos alternativos a un parafuso, facendo un brainstorming rigoroso, as ideas que xeraremos serán moi diferentes se pensamos en “tornillo” (en español), parafuso (en galego) ou en screw (en inglés) partindo das relacións semánticas que cada un dos termos evoca en nós no idioma de referencia. 

A nosa oficina central e as súas oficinas galegas están de festa o vindeiro 17 de mayo. Celebramos a defensa e protección dunha lingua. Celebramos a aportación de todos os idiomas ao mundo no que nos tocou vivir.

Tamén che pode interesar o noso post sobre Sostenibilidade, creatividade e bicicletas.

Recommended Posts
Contacto

Envíanos un mensaje y nos pondremos en contacto contigo.